Iberdrola colabora, a través do seu Programa de Axudas Sociais, coa Asociación Amicos, entidade sen ánimo de lucro cuxa misión é a de prestar servizos e apoios para conseguir que cada persoa con discapacidade intelectual, autismo, parálise, dano cerebral e as súas familias poidan desenvolver o seu proxecto de vida co obxectivo de conseguir a súa inclusión como cidadán de pleno dereito nunha sociedade xusta e solidaria.

2018 será o primeiro ano que a Fundación Iberdrola colabore con esta Asociación tras prestar outros anos axudas sociais a outras entidades e das que se viron beneficiadas nos últimos anos ao redor de medio milleiro de persoas..

Durante un encontro mantido esta mañá na sede de AMICOS en Boiro, o responsable de Acción social da Fundación Iberdrola España, Alberto García Casas; o delegado de Iberdrola en Galicia, Francisco Silva, e o director de Amicos, XoánEspaña, valoraron positivamente a colaboración e detallaron as iniciativas que desenvolverán ambas as entidades durante 2018.

A área xeográfica onde Amicos presta servizos é predominantemente rural, onde as oportunidades de emprego para persoas con discapacidade intelectual son moi reducidas. Proponse o desenvolvemento de talleres que favorezan o desempeño dun traballo e a adquisición de rutinas e obrigacións que permitan cumprir a disciplina propia do mundo laboral. Os talleres teñen ademais un importante papel rehabilitador, fomentando hábitos de comunicación e interrelación entre compañeiros.

O obxectivo é conseguir que persoas con discapacidade intelectual e residentes en áreas rurais da zona do Barbanza adquiran, a través dunha formación prelaboral e talleres adaptados, habilidades para o desenvolvemento de actividades na vida cotiá e unha mellora na cualificación que permita unha futura inserción sociolaboral.

Para iso vanse a desenvolver unha serie de actividades que inclúen talleres de traballo adaptado (bixutería, pasta de modelar, creatividade, manualidades, papel reciclado, psicomotricidade, artes plásticas, lecto- escritura); talleres pre-laborais (taller de envasado, elaboración de marmeladas, manipulados de alimentos,serigrafía, Biocentro e Ecovivero), formación adaptada a demandas laborais; e orientación/guía persoal.

En principio prevese atender a unhas 35 persoas con discapacidade intelectual e residentes en Boiro e áreas rurais da zona do Barbanza (A Coruña).

Con esta iniciativa, Iberdrola contribúe á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da axenda 2030 de Nacións Unidas, integrados na súa estratexia empresarial. Grazas a estas axudas, a compañía centra o seu esforzo no cumprimento dos obxectivos 1 (fin da pobreza), 3 (saúde e benestar), 4 (educación de calidade), 10 (redución das desigualdades) e 5 (igualdade de xénero).